• A Amtega abre ata o 6 de abril a convocatoria das bolsas DigiTalent para que universitarios realicen prácticas formativas nestas compañías
  • Hai 32 prazas para estudantes menores de 31 anos de Artes e Humanidades, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñería e Arquitectura
10
Mar
2020

Es universitario e interésache o sector TIC? Non importa se cursas Dereito, Arte ou Arquitectura, na canteira que están buscando as empresas do sector tamén ten cabida o teu talento non tecnolóxico. Se este é o tren do futuro ao que te queres subir, as bolsas DigiTalent son a túa oportunidade.

É unha iniciativa do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia, un proxecto á vangarda para un sector estratéxico que busca adiantarse ao futuro e promover desde idades temperás as vocacións tecnolóxicas, os novos perfís dixitais e reforzar as capacidades dos profesionais que teñen que liderar a transformación dixital. Queres esta bolsa?

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) impulsa este plan e abre ata o 6 de abril a convocatoria de 32 prazas para que poidas realizar prácticas durante tres meses en empresas TIC.

Unha veintena de firmas sumáronse a esta iniciativa que pretende facilitar a incorporación de perfís non tecnolóxicos ao sector TIC.

E que requisitos tes que cumprir para poder presentar a túa candidatura? As prácticas se dirixen a estudiantes menores de 31 anos matriculados en Artes e Humanidades, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñería e Arquitectura de calquera das tres universidades galegas neste curso. Iso si, ten en conta que deberás ter máis do 75% e menos do 100% dos créditos aprobados.

Para poder optar a esta bolsa rexístrate primeiro no portal de bolsas Feuga e a continuación envía a túa solicitude a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta.

A túa candidatura valorarase en función da nota media do teu expediente académico e terás que presentar unha memoria explicativa sobre a túa motivación para realizar esa formación e os resultados que pretendes conseguir. Telo claro?

Se consegues a túa bolsa, de 20 horas semanais e remuneradas, realizarás prácticas nas empresas TIC seleccionadas como entidades colaboradoras durante tres meses.

Contarás cun plan de formación e recibirás asesoramento, orientación e dirección dos responsables das firmas.

As 21 entidades colaboradoras seleccionadas pola Amtega teñen experiencia en proxectos relacionados con tendencias tecnolóxicas emerxentes, como big data, tecnoloxías móbiles, deseño de servizos e aplicacións cloud, ciberseguridade, IoT, blockchain, realidade aumentada, intelixencia artificial, wearables, entre outras. Podes consultar aquí o listado completo das empresas.

As bolsas DigiTalent son posibles grazas a un convenio de colaboración entre a Consellería de Educación, a Amtega, as Universidades da Coruña, Santiago e Vigo e a Fundación Empresa-Universidad Galega, Feuga.

Compartir