- Se estás inscrito no CERA tes ata o 13 de xuño para pedir o teu voto
Estás a vivir no estranxeiro? Inscribícheste no Censo Electoral dos Residentes Ausentes no Consulado? É o primeiro que debes comprobar para saber como podes exercer o teu dereito ao voto nas eleccións ao Parlamento de Galicia do 12 de xullo.
Case 2.700.000 persoas poderán votar nos comicios (exactamente 2.699.876, segundo o censo). Destes, máis de 461.000 residides no exterior tendo pleno dereito a voto, segundo figura, a 1 de marzo, no Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA).
Toma nota das datas que che afectan segundo a situación na que te atopes. Cal é o teu caso?
Voto para o Censo Electoral dos Residentes Ausentes (CERA)
Se estás inscrito no CERA tes o prazo aberto ata o 13 de xuño para pedir o voto á Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral que corresponda.
E como tes que facer? Podes enviar o impreso de solicitude do voto por correo postal ou fax ou se tes DNI electrónico a través desta ligazón.
Tamén podes cumprimentar a solicitude por internet, sen necesidade de DNI electrónico, nesta dirección. Unha vez feito deberás imprimir por duplicado a solicitude e levala a unha oficina de Correos.
Do 16 ao 22 de xuño recibirás no teu domicilio a documentación electoral por correo postal e con ela poderás exercer o voto nas urnas habilitadas na túa Oficina Consular ou Consulado ou facelo por correo postal nesta mesma oficina.
Ata o 7 de xullo poder remitir o voto por correo ao teu Consulado. Ten en conta que se o envías directamente ás xuntas electorais en España considérase nulo.
O 8, 9 e de 10 de xullo aínda poderías emitir o teu voto de maneira presencial na Oficina consular.
Voto ERTA para os españois residentes en España que se atopan temporalmente no estranxeiro
No caso de que esteas de paso no estranxeiro, pódesche dar de alta, se non o fixeches xa, como ?non residente? até o 13 de xuño no Consulado que che corresponda. Enche o impreso de solicitude de documentación electoral e envíaa a través da Oficina Consular. A Delegación Provincial do Censo Electoral enviarache ao teu domicilio a documentación que deberás remitir por correo certificado á mesa electoral correspondente en España. Tes até o 8 de xullo para facelo.
E se as eleccións te sorprenden de visita en Galicia?
Pode ser que para o 12 de xullo tiveses prevista unha visita a Galicia. Se te atopas nesta situación, e estás inscrito na CERA, lembra que non podes votar aquí en urna, aínda que si poderás facelo por correo.
Deberás pedir o voto nunha oficina de Correos até o 2 de xullo, marcando na solicitude que es residente no estranxeiro. Unha vez que teñas a documentación necesaria, que recibirás entre o 22 de xuño e o 5 de xullo, deberás achegarche de novo, ata o 8 de xullo, a unha oficina de Correos para enviar o teu voto por correo certificado á Xunta Electoral Provincial.