- Se viaxas este ano desde Galicia ao Reino Unido podes seguir usando o teu DNI e a túa Tarxeta Sanitaria Europea
O calendario xa pasou a folla do 31 de xaneiro. É febreiro e o Reino Unido xa non pertence á Unión Europea. Despois de anos de incerteza e expectativas, a saída, o Brexit, produciuse e a partir de agora ábrese unha nova etapa, aínda que con vellas preguntas.
Que tes que facer se vives no Reino Unido?
Se queres seguir residindo neste país, estudiando ou traballando, deberás pasar obrigatoriamente por un novo procedemento do Ministerio Interior Británico. Chámase “EU Settlement Scheme”, e concede dous estatus.
- O “settled status” ou permiso de residencia indefinido, para aqueles galegos que levedes vivindo máis de 5 anos no Reino Unido. Iso si, é necesario probar a residencia durante 6 meses nun período de 12.
- O “pre-settled status” ou permiso de residencia temporal, para os que levedes menos de 5 anos.
Tede en conta que o prazo fixado para poder solicitar estes permisos é ata o 30 de xuño de 2021 e para iso é necesario vivir no Reino Unido antes do 31 de decembro de 2020.
E se queres ir a vivir ao Reino Unido?
Se estás pensando en emigrar agora, despois do Brexit, podes facelo libremente para ir a traballar ou estudar polo menos ata o 31 de decembro de 2020, aínda que tamén deberás pedir o permiso de residencia temporal.
Como podo entrar e saír do país?
Nada cambiará ata o 1 de xaneiro de 2021. Se viaxas este ano desde Galicia ao Reino Unido podes facelo co teu pasaporte ou DNI sempre que estea en vigor durante a túa estancia. Nun principio, á espera de posibles acordos neste sentido, será ao longo de 2021 cando o teu DNI español deixe de ter validez como documento de viaxe e de entrada e saída.
Mentres a túa estancia no Reino Unido sexa curta, de 90 a 180 días, non terás a necesidade de pedir un visado.
E se o que te preocupa é a asistencia sanitaria durante a túa viaxe, tes que saber que a Tarxeta Sanitaria Europea segue en vigor ata o 31 de decembro deste ano, e os dereitos á asistencia sanitaria dos galegos que xa estades vivindo no Reino Unido mantéñense nas mesmas condicións.
Estas son algunhas respostas ás túas dúbidas, se necesitas máis información sobre o Brexit podes consultar a páxina do Ministerio de Asuntos Exteriores.