- «Queremos ser unha referencia para a comunidade galega, onde podemos axudar a facer ponte con Brasil.»
Gustavo e Nathalia son unha parella brasileira de Rio de Janeiro. Tiñan proxectos, pero tamén una certa incerteza pola situación económica do país e a inseguridade que afecta a partes importantes do territorio. El formouse en Administración de Empresas e ela en Relacións Internacionais. Coa chegada da súa filla Leticia, Gustavo e Nathalia decidiron cambiar de vida e buscar un horizonte máis seguro: «Os avós paternos de Gustavo son de Gondomar el e de Pontevedra ela. E pareceunos unha boa idea tentalo en Galicia» explica Nathalia.
"A nosa filla pode estar en contacto coas súas raíces e coa casa da que proveñen moitas xeracións antes que a súa. E iso é moi importante"
Entón decidiron por poñer en marcha un proxecto que combinase as súas dúas especialidades: unha consultoría de comercio exterior. «Eu fixen un máster de Comercio Internacional na Universidade de Vigo, para coñecer máis o idioma, as persoas, a comunidade...». Foi a través da Xunta, que se decataron de que había unha serie de axudas a retornados.
Cremos que hai moitas oportunidades para a empresa que estamos a poñer en marcha, Celta Trading: «É moi importante o acordo que logrou a Unión Europea con Mercosur. Foron case 20 anos de negociación para este momento histórico, vai abaratar os impostos, abrindo o mercado para novos provedores, elevando a calidade e baixando o prezo ao consumidor final».
A parella puido acceder a unha axuda de 5.000 euros por parte da Secretaría Xeral para a Emigración que lles foi de utilidade para poñer en marcha esta iniciativa. Gustavo foi para Brasil para facer esta ponte cos posibles compradores potenciais e regresará en decembro.
O aceite de oliva ten unha presenza limitada e de procedencia sobre todo portuguesa: «En Brasil cren que o maior produtor de aceite de oliva é Portugal, cando en realidade é España xa que Portugal nin sequera é capaz de abastecer a súa propia demanda. Temos que aproveitar iso, xa que Brasil é dependente de case 100% das importacións de aceite de oliva». «Estamos tamén a estudar a posibilidade de importar o café de Brasil, coñecido pola súa calidade e, de feito, o país produtor máis grande do mundo».
"Queremos que os consumidores galegos teñan fácil acceso aos produtos de calidade como o café de Brasil a prezos xustos nos supermercados locais"
O seu clima é o elemento crave para a calidade do café. As temperaturas moderadas, o sol constante e as choivas periódicas que fan que este país sexa un lugar perfecto para as plantacións de café. Sobre todo, o café Arábica.