• "A axuda de Emigración foi moi fácil de tramitar e dancha rápido"
28
Jan
2020

Rooteiro é o proxecto turístico que Andrés Rodiño emprendeu no seu retorno a Sanxenxo, a Galicia, despois de seis anos en Edimburgo xunto á súa noiva. Andrés quería volver ás súas raíces, á súa versión do paraíso, como di na súa web. Rooteiro é un roteiro polas súas raíces que invita a coñecer e gozar Galicia dun modo diferente. 

Que vos levou a emigrar e que vos trouxo de volta?

Estivemos case seis anos en Edimburgo, fumos a aprender inglés, a buscar traballo. Os dous últimos anos estudiei Turismo alí. Pero xa era hora de volver, eran seis anos alí e dixemos que era suficiente. E eu víalle o potencial que Galicia tiña, que se podían facer cousas aquí en turismo, e por eso me decidín a facer este proxecto.

En que consiste o proxecto que emprendiches?

Rooteiro son experiencias e rooteiros por Galicia para valorar o patrimonio que temos, tanto natural, cultural, como marítimo. É un turismo slow, levamos á xente a zonas que non estean moi saturadas para ensinar mellor o patrimonio que temos. 

Estudaches Turismo, tiñas claro antes de volver que querías poñer en marcha unha empresa así?

Ao principio botei currículos para traballar e ao non saírme nada decidín empezar este proxecto. Eu vin que aquí había potencial en turismo. Está enfocado ao turismo estranxeiro, estamos a empezar, aos poucos.

Tamén estás a proxectar Galicia no exterior, os teus clientes que opinan de Galicia?

Gústalles moito. Dos que tiven, o que máis me pediron son os roteiros do Albariño. Chegan aquí e todo é diferente. Xa tiven clientes de Hong Kong e gustoulles moito. Conseguinos porque teño os roteiros en TripAdvisor. Ao principio a web é difícil movela e que che compren, é moito traballo, é aos poucos, coesta mover as cousas. Unha vez que se colla a dinámica irá máis fácil todo.

Rooteiro beneficiouse das Axudas ao Retornado Emprendedor da Secretaría Xeral da Emigración, como che decataches das axudas?, canto tardaches en poñelo en marcha?

Chegamos en xuño de 2018 e empecei co proxecto en xaneiro do ano pasado. E en xullo xa empecei a traballar. A ayuda a vin por internet. A de Emigración foi moi fácil de tramitar e tardaron pouco, dancha rápido. Presentei un plan de negocio, pedinas en abril ou xuño e en agosto xa tiña o diñeiro.

Son necesarias as axudas?, animan a decidirse a emprender?

Vén ben a axuda económica ao principio, se non é difícil, pedín a subvención e adiante!

Como ves o futuro en Galicia?

Co Xacobeo está a moverse todo bastante, ten moito potencial, estamos a saír pequenas empresas para darlle proxección a Galicia, hai que valorar o que temos, e eu creo que se vai a conseguir. Para o ano ten que ser bo.

Compartir