Edificio Fontán
Santiago de Compostela
05
Nov
2021
11:00
07
Nov
2021
20:00

Evento público pioneiro no marco do Xacobeo 21-22, o encontro internacional Carta de Santiago nace con vocación de impulsar a reflexión e o debate e dar voz á comunidade global nun momento de profundos cambios de valores trala crise epidemiolóxica. Este espazo abrirase á participación de figuras relevantes en distintos ámbitos da cultura e a sociedade, figuras de prestixio internacional, recoñecidos polo seu labor en distintas disciplinas, que debaterán sobre o modelo de sociedade que está por vir, e sobre como queremos participar del, desde a positividade, a integración e a sustentabilidade. Complementarase ademais con propostas artísticas de creadoras e creadores.

O encontro promove a reflexión e o debate sobre a sustentabilidade, entendida ao redor de catro áreas: economía, medio ambiente, ciencia e cidadanía, dentro dunha matriz conceptual sistémica e ecosocial, integradora das singularidades, e con perspectiva de xénero. Nestas catro grandes áreas articularanse 21 temáticas de reflexión, que inclúen temas como clima, océanos, territorios e transición enerxética no campo medio ambiental; xenética, neurociencia, intelixencia artificial, saúde ou utopías e distopías no campo científico; economía rexenerativa e do ben común, modelo de mercado, dixitalización e emprendemento no campo económico; e educación, desigualdades, identidade, fronteiras, arte, pensamento e participación cidadá no campo político-social. Deste foro de debate xurdirá a publicación Carta de Santiago, un documento no que se recollan as reflexións xeradas no encontro e tamén textos que complementen as conversas e debates ao vivo.

O encontro está organizado pola Xunta de Galicia en colaboración coa Fundación Paideia Galicia, declarada de Interese Gallego, que ten como misión promover a igualdade de oportunidades e favorecer o desenvolvemento persoal e social mediante a creación de propostas e proxectos innovadores e sustentables. Actualmente, a actividade da Fundación Paideia Galicia estrutúrase en 5 eixos de traballo: discapacidade e emprego; mocidade e mobilidade; emprendemento; desenvolvemento territorial; e formación e divulgación. A través deste último, conforma un espazo aberto á cidadanía para a promoción do coñecemento crítico.

Compartir